Ourense prepárase para recibir o Athletic de Bilbao
Os afeccionados do Ourense Club de Fútbol e os do Athletic de Bilbao, que tamén ten peña na Cidade das Burgas, agardan ilusionados o encontro desta tarde, con motivo da Copa do Rei
Na contorna do Couto, bares e negocios prepáranse para recibir os visitantes ante a previsión de encher o estadio
Mañá atarefada na contorna do estadio do Couto, nas horas previas dun encontro que xera expectación na cidade.
"Hai que gozalo porque isto só pasa unha vez na vida", di un afeccionado.
Agardan a chegada duns catrocentos afeccionados do Athletic Club de Bilbao. Ampliáronse as bancadas e hai espazo para preto de oito mil persoas, todo un espectáculo para a cidade a golpe de xoves.
Javier Quiroga, director xeral do Ourense Club de Fútbol: "Xa pasaron por aquí o Oviedo e o Girona. Pasamos de rolda coa nosa xente, e hoxe imos intentalo de novo. A cidade está patas arriba".
Bares e negocios da contorna do estadio agardan unha tarde animada e prepáranse para recibir a afección.
"Van baleirar neveiras, pasalo ben".
"Moita xente cando marcha pregunta por produtos típicos da zona para levar". "O ambiente soe estar máis arredor do estadio. Este repartiu máis a xente por todo o barrio", comentan.
Nun bar do Couto quedaron os da peña do Athletic para xuntárense antes do partido. Algúns veñen de Verín, a peña de Dani Vivian, de Astorga, Ponferrada, Bilbao, por suposto e tamén da propia cidade de Ourense.
"Alegría. Vai haber moi bo ambiente. Somos xente animada que non queremos problemas, só gozar do fútbol", asegura Ana Alzola, presidenta da peña do Athletic de Bilbao en Ourense.
Para os seguidores do Ourense será tamén unha ocasión para presumir de cidade. Agardan repetir o éxito contra o Xirona, que levantou o estadio hai só dúas semanas.