Ourense acolle ata o vindeiro domingo unha nova edición da Feira de Artesanía
Unha vintena de artesáns galegos exhiben estes días as súas creacións en Ourense. Pezas únicas elaboradas á man recollen a esencia das nosas tradicións. Esta Feira de Artesanía de Ourense leva xa vinte e seis edicións sacando á rúa pezas con identidade propia. Dende a cerámica ou a bixutería ata as xoias ou o téxtil. O traballo dos artesáns reflíctese en cada unha das pezas que se poden mercar aquí ata o próximo sete de maio. A feira ofrece ademais a oportunidade de ver demostracións en directo do traballo.
A primeira parada facémola nun taller de cestería a pé de rúa.
"Combinamos esta parte máis caótica coas técnicas máis tradicionais, uns cus redondos. Facemos un pouco de mix, do máis tradicional a cousas máis contemporáneas".
Porque a tradición está detrás de cada un destes proxectos que saben tamén innovar e abrir novas portas aos seus oficios.
"Consiste en trasladar os pigmentos de follas e flores a tecidos de orixe orgánica. Traballamos colocando as follas directamente sobre o tecido e trasladamos directamente a cor que teñen a el. Dependendo da época de recollida e do sol que recibiran, regálannos unhas cores ou outras".
Unha vintena de artesáns amosan estes días en Ourense unha escolma do seu traballo. Pezas únicas que precisan de moito tempo de preparación para facelas realidade.
"Cada artesán mételle moitas horas a facer as pezas, non só deseñando, senón tamén mirando materiais, combinación de tamaños, todo".
Ese traballo minucioso que fan os artesáns percorre a cerámica, o coiro, a xoiería... todo tipo de proxectos adaptados en moitos casos aos tempos actuais.
"Cada un dos talleres ofrece un produto singular cun carácter persoal onde envorca as súas expectativas estéticas, e claramente máis modernas, actualizadas ás necesidades de hoxe en día".
Máis dun milleiro de talleres están inscritos a día de hoxe na marca Artesanía de Galicia, que traballa para defender e promover as actividades artesanais. Unha parte da nosa historia e a nosa tradición, que se mantén a través dos oficios, que evoluciona e cobra vida con cada unha das súas pezas.