Os zombis invaden Vigo na previa do Galicia Freaky Film Festival
Na novena edición deste festival que arranca o venres exhíbense 6 longamentraxes e 74 curtas de 34 países
Varias actividades quentan o ambiente nos días previos á inauguración dunha nova edición do Galician Freaky Film Festival (GFFF), un evento arredor do cine fantástico e de terror que trae a Vigo as últimas producións do xénero.
O venres 19 arranca a novena edición, que proxectará case un cento de títulos nas salas do renovado cine Tamberlick.
Este sábado, ducias de persoas participaron nunha sesión de maquillaxe, previa ao desfile de zombis que tivo lugar na rúa de Príncipe. Maquilladores profesionais e afeccionados recrearon nas facianas dos voluntarios os aspectos máis arrepiantes dos non mortos ou cadáveres viventes.
Seis longametraxes e 74 curtas de 34 países compoñen o cartel da edición deste ano, que xira arredor de The Mad Doctor, un clásico que iniciou a factoría de Walt Disney e tivo unha morea de secuelas que fan as delicias dos afeccionados a este xénero.
"A homenaxe a Mad Doctor comeza coa proxección da película que protagoniza o noso cartel, 'The Rocky Horror Picture Show'. Na clausura faremos toda a parafernalia que rodea esa fita clásica. Inauguramos o día 19 con 'El jovencito Frankenstein' e 'La novia de reanimator'. É dicir, máis doutores chiflados, máis Mad Doctors, que teremos ao longo do festival", comenta Juan de Castro, director do Galician Freaky Film Festival.