Publicador de contidos

Publicador de contidos

Seguen a misa co paraugas aberto dentro da igrexa polas goteiras

Seguen a misa co paraugas aberto dentro da igrexa polas goteiras

A necesaria reparación da cuberta da igrexa de San Martiño de Loiro (Barbadás) vense atrasando, xa que non está redactado o proxecto e non hai permiso de Patrimonio

Igrexa parroquial de San Martiño de Loiro (Barbadás)
G24.gal 03/01/2023 14:21

As filtracións da auga de chuvia pola cuberta da igrexa de San Martiño de Loiro hai tempo que traen de cabeza os veciños desta parroquia do concello ourensán de Barbadás. Pero o domingo pasado a situación volveuse xa insostible e os veciños que asistían á misa tiveron que abrir os paraugas dentro do templo para seguir a cerimonia relixiosa.

"Puxeron un tellado novo hai uns anos, pero non valeu para nada e chove por todos os lados. Incluso hai bancos nos que non se pode sentar ninguén, está todo inundado".

"E ademais, como está todo tan húmido, ata podes esvarar e caer. Desde logo, o pobo está moi afectado".

A necesaria reparación da cuberta vense atrasando, xa que non está redactado o proxecto e non hai permiso de Patrimonio. Sen eses documentos, os veciños non encontran ningunha empresa que lles faga un presuposto do custo da obra.

"O que queremos é chamar a atención das autoridades tanto eclesiásticas como municipais para que fagan algo para solucionar. Ao mellor con retellar chega e sobra, sen necesidade de grandes obras na igrexa. E se se pode solucionar canto antes, pois mellor".

Como solución provisoria, os veciños de Loiro piden que se cubra cunha lona o tellado da igrexa para evitar que volva chover dentro do templo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade