Os veciños de Arteixo piden medidas para evitar novos accidentes mortais
No último sinistro morreu unha muller cando ía traballar
Denuncian a falta de seguridade na zona
Unha condutora de 30 anos falece ao bater contra un alpendre en Arteixo
O accidente mortal rexistrado este sábado volveu poñer o foco na perigosidade dun treito da estrada AC-415, en Arteixo. A veciñanza da parroquia de Pastoriza leva anos pedindo medidas para mellorar a seguridade nunha zona sinuosa e con moita pendente onde irse por fóra de vía é habitual.
No lugar do accidente, convive un ramo de flores cos restos que aínda quedan do coche que conducía a vítima de camiño ao traballo. Baixaba a costa cando perdeu o control e envorcou. Non puido evitar o impacto do automóbil contra un alpendre situado ao pé da estrada.
Os veciños consideran especialmente insegura a travesía de Pastoriza, nun treito da AC-415.
"Semella que falta beiravía por un dos lados desta estrada que non está nada alumeada", apunta unha veciña con preocupación.
"Cando empeza a chover, esta estrada vólvese especialmente perigosa", di outro veciño.
Levan anos alertando da perigosidade da estrada, con curvas e en forte pendente. Agora propoñen algunhas medidas para reforzar a seguridade viaria, entre elas, aumentar os controis de velocidade e instalar sinais luminosos ou resaltes no firme.
Piden actuacións urxentes porque o risco de accidentes aumenta nos meses de inverno.