Os tractores bloquean a N-120 en Ourense nunha segunda noite de protestas
Máis de 200 persoas permanecen na avenida Ribeira Sacra contra o acordo entre a UE e o Mercosur
O sector estuda novas accións reivindicativas en Lugo onde os tractores continúan na contorna da muralla
O tratado de libre comercio entre a Unión Europea e o Mercosur, asinado esta fin de semana en Paraguai, puxeron en loita o sector primario galego que suma 21 días de mobilizacións.
En Ourense, máis de 80 tractores e unhas 200 persoas manteñen bloqueada a N-120 na avenida Ribeira Sacra dende o sábado. Malia enfrontaren unha segunda noite extremadamente fría, os azos non decaen.
As voces contra o acordo escoitáronse tamén na concentración convocada pola Asociación de Gandeiros e Gandeiras Galegas diante da subdelegación do Goberno este domingo.
"Vai haber unha gran cantidade de produtos que xa empezan a soar; aparecen pesticidas e hormonas das que non sabía nada ninguén ata que os gandeiros fomos ao libro e o lemos. Igual temos que seguir lendo o libro para demostrar que Mercosur é un fraude", denuncia Adrián Riádigos, presidente de Elas Eles.
O pacto de libre comercio culmina case 26 anos de negociación e establece un novo marco de relacións que, co campo europeo e media ducia de países en contra, pode entrar en vigor de xeito interino.
Porén, deberá superar un tenso proceso de ratificación para a súa aplicación definitiva. Por iso, o sector galego non perde a esperanza de que teñan en conta as súas reivindicacións.
"Agora seica que quedan dous filtros máis que pasar, un deles son os eurodeputados. Agardemos que algún dos eurodeputados que teña cabeza e intelixencia que vote que non e a ver como será o tema ", asegura Manuel Gómez, voceiro da Asociación do Sector Primario de Galicia.
Vehículos agrícolas na muralla de Lugo
Protestas en Lugo
Na cidade de Lugo os tractores continúan rodeando a muralla. Prevén manter os actos reivindicativos buscando o contacto coa cidadanía para trasladarlles as consecuencias do tratado de libre comercio, as que afectarán ao agro, din, pero tamén ao consumidor final.
Na noite do sábado, as asociacións Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema organizaron unha cea reivindicativa diante do edificio administrativo da Xunta.
Houbo degustación de produtos da cooperativa A Carqueixa, que agrupa duascentas familias gandeiras dos Ancares. Está en xogo, aseguran, a supervivencia do sector.
Imaxe da cea organizada por Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema