Os traballadores de Alcoa analizan hoxe a proposta da empresa de parar dous anos a actividade
O persoal reúnese hoxe para decidir sobre a oferta da empresa, que cambia de estratexia
O comité, predisposto a estudar a parada das cubas, aínda que "as instalacións non están preparadas para un rearranque"
Os traballadores deciden hoxe sobre a última proposta da empresa: parar a actividade durante dous anos sen despedimentos e retomala ao 100 por cento en 2024.
O comité de empresa celebra un pleno extraordinario para valorar a proposta e unha asemblea xeral cos traballadores para poñer en común a súa postura.
"Non esperabamos este cambio de actitude, colleunos un poco por sorpresa pero a continuidade de Alcoa é un dos escenarios que se podía barallar", afirma Soledad Alonso, secretaria do comité de empresa, que amosa cautela ante a proposta.
"Somos escépticos porque despois de todos estes meses negociando con Alcoa xa sabemos cal é a súa intención e o que pode haber detrás, por iso confianza podemos ter a xustiña", engade. E explica que a parada das cubas que propón a empresa suporía, dous anos despois, "un rearranque moi custoso, e as instalacións non están agora mesmo preparadas para afrontalo".
Con todo, Alonso avoga por "mirar a oferta polo miúdo" porque " é verdade que se abren a unha negociación que despois de todos estes meses loitando é bastante asumible", engade.
O comité de Alcoa censura o papel dos gobernos nesta crise. "Os gobernos durante todos estes meses o único que fixeron foi unha chea de compromisos e promesas baleiras, non fixeron absolutamente nada, e nós tivemos que gañar os xuízos, saír á rúa... politicamente deixáronnnos practicamente sós, sentímonos abandonados totalmente polas administracións públicas e non nos queda máis que negociar con Alcoa", conclúe.