Os técnicos avalían o desprendemento do noiro en Moaña
Os veciños recupéranse do susto
Os efectos dos temporais parecen ser a causa da derruba
Os técnicos da Consellería de Infraestruturas avaliaron o estado do firme no lugar do derrubamento para descartar a existencia de fisuras ou deformacións. Polo de agora as tarefas son de limpeza e retirada do que levou por diante o desprendemento do noiro de vinte metros de altura. Na zona os veciños recupéranse do susto, aliviados porque os danos humanos non foran graves.
Nas últimas horas a chuvia deu unha tregua e os operarios puideron traballar con máis comodidade e seguridade. Todo apunta a que detrás do derrubamento que sepultou unha casa en rehabilitación deixando un home ferido están os efectos dos temporais. Os veciños din que ademais das fortes chuvias destes días, na zona hai moitos nacementos de auga que agravan a inconsistencia da terra. Aseguran que en moitas ocasións xa sufriron pequenas derrubas e a caída de árbores ou valados.
Segundo informou a Consellería de Infraestruturas os técnicos avaliarán paso a paso o estado do firme e tomarán as medidas necesarias para evitar novas derrubas neste noiro á altura da incorporación á autovía do Morrazo dende o enlace de Cangas. Un treito polo que se pode circular aínda que con certas restricións para evitar riscos. Unha situación que non está a afectar a fluidez do tráfico.