Os seis incendios activos diminúen o seu avance tras as repuntas no de Larouco e Pena Trevinca
A vaga de incendios en Galicia deixa máis de 88.000 hectáreas arrasadas
Non houbo que decretar máis evacuación nin confinamentos durante as últimas horas

Seis incendios permanecen activos na provincia de Ourense, que segue na situación 2 de emerxencia e suman xa máis de 88.000 hectáreas queimadas.
O máis extenso é o de Larouco, que pasou a Lugo tras cruzar o río Sil e situouse en Quiroga, á entrada do Courel, que xa supera as 30.000 hectáreas afectadas.
Ademais de Quiroga e Larouco, afecta os municipios O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras.
Para a súa extinción mobilizáronse, de forma acumulada, 45 técnicos, 182 axentes, 229 brigadas, 174 motobombas, 11 pas, 4 unidades técnicas de apoio, 13 helicópteros e 15 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Este é o incendio máis grande da historia en Galicia desde que hai rexistros, pero tamén teñen categoría de grandes incendios (máis de 500 hectáreas) os de Chandrexa de Queixa e Vilariño que afecta a unha superficie de 19.000 hectáreas, Oímbra e Xinzo de Limia que afecta as parroquias da Granxa e Gudín, que prexudican conxuntamente a unhas 17.000 hectáreas, A Mezquita-A Esculqueira, Carballeda de Avia e Beade e Carballeda de Valdeorras-Casaio.
Están estabilizados os incendios de Vilardevós-Vilar de Cervos, Maceda (Santiso e Castro de Escuadro uníronse con 3.500 hectáreas), Vilardevós-Fumaces e a Trepa, Vilardevós-Moialde , Riós-Trasestrada e Montederramo-Paredes.
Ademais as autoridades dan por controlados os incendios do Saviñao-Chave e Agolada-O Sexo.
Durante a noite non se rexistraron novas evacuacións ou confinamentos, e todas as estradas principais están abertas.