Os ríos da conca Miño-Sil levan a metade do caudal habitual
Débese a que a chuvia máis abundante se concentrou entre outubro e novembro
A situación, lonxe de ser preocupante, favorece a cría da troita
Ao seu paso polo Carballiño, o río Arenteiro leva a metade de caudal que a media histórica. No conxunto da conca Miño-Sil o descenso é do 45 %.
"Isto débese principalmente a que a segunda quincena de decembro choveu moi pouco e nestes días de xaneiro, aínda que hai sensación de que está chovendo moito porque chove todos os días, está chovendo cantidades pequenas e con pouca intensidade, polo que non hai enchentes", explica Carlos Ruiz del Portal, xefe da oficina de Planificación Hidrolóxica da conca Miño-Sil.
Si houbo enchentes entre novembro e decembro, o momento ideal para a cría da troita aquí no Arenteiro.
Carlos Miguélez, encargado da piscifactoría do Carballiño: "Para a desova foi xenial aquí no Carballiño: veu a riada cando tiña que vir, a grande, varreu as ribeiras do río, os fondos quedaron limpos e as troitas puideron chegar á zona de desova, remontar as pequenas presas".
O caudal actual, malia estar máis baixo do habitual, non é un problema para elas. O que si precisan é que se manteña constante.
"O que necesitan é un caudal constante durante 40-45 días que tarda en nacer a cría. Se veñen moitas enchentes despois desa, traen achegas de terra, de cinzas..., que van tapar os ovos e malograr as postas", explica Carlos Miguélez.
O arrastre de cinza é a principal preocupación este ano, tras os incendios do verán. Xa ocorreu coas chuvias do outono pero agora a situación mellorou, ao ser chuvia menos intensa.
"Prevese que de aquí a final de mes siga chovendo desta maneira. Quizais o 23-24 si que veñan precipitacións máis intensas que poden facer crecer os caudais", avanza Ruiz del Portal.
Desde outubro, caeron 530 litros por metro cadrado, un 5 % por riba da media histórica.