Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os estragos nas pasarelas do paseo do Mera, en Lugo, impiden transitar por elas

Os estragos nas pasarelas do paseo do Mera, en Lugo, impiden transitar por elas

O seu arranxo é unha demanda compartida polos numerosos usuarios da que é unha das principais rutas de sendeirismo da capital lucense

A comunidade de montes de Orbazai sopesa cortar o paso nas pasarelas en peor estado
Félix Aragunde. Imaxe: Afonso G. Novoa. 24/02/2026 13:31

As pasarelas de madeira do paseo do río Mera, en Lugo, encóntranse en tan mal estado que xa non se pode transitar por algúns tramos. Dende a comunidade de montes de Orbazai, propietaria da maior parte dos terreos, sinalan como causa principal a antigüidade dos pasos, instalados en 2010.

"Estamos falando de hai 16 anos, e madeira ten uns anos de vida. Iso é o que está a pasar. E estamos intentando con todo o esforzo, en principio a través da Xunta, arranxar as pasarelas, e vanse arranxar. Ten os seu custo, e os comuneiros xa temos investido cartos tamén, cambiando algunhas táboas", sinala Pablo González, presidente da comunidade de montes de Orbazai. 

Os comuneiros agardan tamén recibir axudas do Concello para reparar as pasarelas da que está considerada unha das principais sendas do cinto verde de Lugo. O seu arranxo é unha demanda compartida polos numerosos usuarios do paseo.

"Deberían chegar a un acordo Concello, Xunta e demais entidades, porque é un paseo moi bonito. No noso club estamos traballando aquí, normalmente, con sendeiros feitos por nós e tampouco sen axuda de ninguén", indica Alberto Sánchez, presidente do club ciclista Quercus. 

"Quero recalcar que é propiedade privada. Se seguimos con estes problemas, tamén podemos ter a solución de retirala. De todas as maneiras estase atrasando isto porque o Concello ten un proxecto para arranxar as rutas por todo Lugo, e estamos esperando a ver se se vai arranxar esta ruta, que en principio parece que si", engade o presidente dos comuneiros.

Con medio cento de quilómetros de paseos fluviais, a cidade de Lugo conta cunha das maiores redes de rutas de sendeirismo de todo o país.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade