Os profesores interinos poderán seguir nas listas aínda que non se presenten ás oposicións
CCOO Ensino, ANPE, CSIF e UXT-SP comunicaron o acordo coa Consellería de Educación
Apuntan os sindicatos que a obriga só se suprime para os que xa teñan o posto consolidado
CCOO Ensino, ANPE, CSIF e UXT-SP emitiron un comunicado explicando que, finalmente, se conseguiu eliminar a obrigatoriedade para os docentes de matricularse e presentarse ás oposicións para manterse nas listas de interinidade da Consellería de Educación.
Apuntan, con todo, que esta obrigación se suprime só para o persoal que teña posto consolidado. Así, para o persoal non consolidado ou para o que se incorpora ás listas, segue sendo necesario presentarse ás oposicións.
Os sindicatos defenden esta medida argumentando que permite a optimización dos tribunais de oposición e redución da carga burocrática e organizativa, dado que a "asistencia masiva e por mero trámite aos procesos selectivos xeraba unha sobrecarga de xestión para os tribunais".
Defenden que, con esta medida, permítese tamén unha repartición de prazas "máis xusta". "Corríxense situacións inxustas como que un tribunal recibise máis prazas que outros, só polo feito de ter maior número de persoas presentadas, ao obrigar persoal interino ou substituto a presentarse para non decaer das listas".
Tamén facilita, apuntan, a conciliación e a loxística familiar, poñendo fin aos desprazamentos obrigatorios motivados unicamente por un trámite administrativo.
Por último, apuntan á seguridade xurídica e á estabilidade. "Adaptamos as listas de interinidade e substitucións a un modelo de xestión máis avanzado e eficiente, garantindo que a permanencia en listas do persoal docente quede debidamente acreditada polo seu traballo efectivo, sempre tendo en conta as causas e número de renuncias xustificadas", explican.
O acordo está pendente de saír recollido no Diario Oficial de Galicia.