Os produtores de leite ecolóxico crean a súa propia OPL
Son 34 ganderías que producen máis de 12 millóns de litros anuais
Queren ter máis forza para negociar prezos en conxunto
Tan só 34 ganderías galegas de leite ecolóxico de vaca supoñen o 20 % de toda a produción en España e superan os 12 millóns de litros anuais. Estas boas cifras leváronos a constituír a primeira Organización de Produtores de Leite ecolóxico de España. Queren ter así máis forza para negociar coas dúas únicas industrias que están a recoller este tipo de leite actualmente en Galicia e reivindicar un maior recoñecemento do seu traballo.
O leite ecolóxico leva anos pagándose arredor de 20 céntimos máis por litro que o producido en granxas intensivas e mesmo en pastoreo. Aínda que non escapou da suba de custos de produción, o certo é que a afectación foi menor porque o gasto en insumos ou sanidade tamén é baixa O problema é que o seu produto ten un prezo elevado para a actual situación de crise. Por iso, queren lembrar a súa calidade.
En Galicia hai arredor de 130 produtores de leite ecolóxico e xa se traballa para que as granxas adquiran máis capacidade de produción.