Publicador de contidos

Publicador de contidos

Amelia Pérez, reelixida secretaria xeral de CCOO en Galicia

Amelia Pérez, reelixida secretaria xeral de CCOO en Galicia

150 delegados decidiron no congreso as liñas de actuación para os próximos anos e fixeron balance do traballo do último mandato

Amelia Pérez, durante o congreso de CCOO Galicia Amelia Pérez, durante o congreso de CCOO Galicia
G24.gal 16/05/2025 17:56

CCOO reelixiu a Amelia Pérez Álvarez como secretaria xeral en Galicia durante os próximos catro anos. Así se decidiu durante o 13º Congreso Nacional de CCOO Galicia. Unha cita que se desenvolveu durante este xoves e este venres, e no que 150 delegados decidiron as liñas de actuación para os próximos anos e que fixeron balance do traballo do último mandato.

En concreto, as primeiras palabras de Amelia Pérez tras a súa reelección á fronte do sindicato foron dirixidas aos traballadores do comercio de alimentación da provincia de Ourense, aos que destacou por protagonizar "unha folga histórica".

Neste sentido, tamén criticou a actitude dunhas empresas que, "á vez que teñen cuantiosos beneficios, só queren abonar o salario mínimo". Así mesmo, a sindicalista chamou a cultivar "a sororidade, a empatía, o traballo en equipo e a colaboración para afrontar os retos do futuro".

Con todo, tamén se referiu á manifestación convocada para o Día das Letras Galegas, onde CC.OO. "manterá intacto o seu compromiso fronte a eses ignorantes, imbéciles e escuros que desprezan o idioma".

Segundo indicou o sindicato nunha nota de prensa, xunto á recentemente reelixida secretaria xeral formarán parte da Comisión Executiva Antonio Milleiros Jorge, Maica Bouza Seoane, Armando Iglesias Rodríguez, María José García Barcia, Xesús Castro Baamonde, Leila Piñeiro Otero, Carlos Pérez Fernández, Yolanda Martínez Quintián e Óscar Cebeiro González.

A este Congreso chegaron 26 propostas de resolución que, tras un proceso de unificación, quedaron en oito, detallou o sindicato. Ademais, explicou que se trataron cuestións como "o acoso, o rexeitamento á fábrica de Altri, a defensa do sector da automoción ou a importancia da loita sindical", entre outras.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade