Centos de condutores estacionan cada día en Pontevedra en aparcadoiros oficiosos cheos de buracos
Malia contar a Cidade do Lérez con aparcadoiros disuasorios públicos, son moitos os que deciden estacionar en leiras privadas por proximidade ao centro
Aparcar en moitas cidades pode converterse en toda unha odisea. Así é para moitos condutores de Pontevedra. Se non atopan aparcadoiro público e non queren pagar importes desorbitados nos privados, moitos teñen que recorrer a leiras privadas onde as posibilidades de romper os vehículos son elevadas.
Aparcadoiros oficiosos con certas deficiencias. "Chámolle vai e vén porque hai moito meneo debido ás fochancas tan grandes", di unha usuaria.
"Estaciono aquí porque está preto do centro de saúde xa que o meu home está enfermo e non poder camiñar moito", explica unha condutora que estaciona nun destes aparcadoiros en Mollabao. Mesmo un arrombacoches, que leva xa 15 anos nese aparcadoiro, intentou amañar un chisco sen moito éxito.
Noutro situado no Camiño Vello de Castela, xa non son fochancas, son buracos que parece que os condutores non temen, aínda que supoña deixar aí algunha que outra peza do coche como rodas ou amortecedores. Din os condutores e condutoras que compensa, pois "se teño que aparcar nos públicos, están moi lonxe, e se o fago nos privados, custa moito", xustifica outro usuario.
Con todo o peor dáse nos días de chuvia, pois "isto é piscina tras piscina e case tes que poñer as botas como se foses mariscar".
A maioría destes terreos son privados polo que a Administración local non lles pon a man. Pero o uso diario, a chuvia e a falta de mantemento van pasando factura e nalgúns custa xa entrar.