A revolución do aparcamento: usar garaxes que quedan baleiros ou soares desocupados nas cidades
Unha empresa galega creou unha aplicación para atopar prazas de garaxe que non utilicen os seus propietarios
Tamén buscan predios libres onde crear aparcadoiros efémeros nas cidades, 'leiraparkings' oficiais
Usar o que non se usa. Se se pode facer cunha vivenda, por que non cun garaxe? Unha empresa galega creou unha aplicación para que calquera persoa, calquera condutor, poida utilizar unha praza de aparcadoiro cando queda baleira. Chámase Dooroti e ofrece estacionamentos que están sen ocupar durante algunhas horas ao día ou durante meses, se falamos de residencias de verán, por exemplo. Teresa ten que ir cada mañá ao centro de Vigo e atopou unha praza de garaxe pola que paga setenta euros ao mes.
"Traballo na rúa García Barbón e teño a complicación de aparcar porque ademais veño dende lonxe, porque vivo en Baiona", explica.
A aplicación, creada por un grupo de emprendedores galegos, xestionan prazas, tamén, na Estrada, Sanxenxo, ou a propia cidade de Pontevedra.
"Sobre todo en temporada baixa hai moitas prazas dispoñibles", explica o director do hotel Rías Bajas, Fernando de Cabo, "e isto axúdanos a ocupalas. Pero, máis que nada, a idea é poñelas a disposición da xente e solucionar este pequeno problema de aparcamento que hai no centro".
"Mentres o propietario está traballando ou de vacacións, pode ceder a praza a través da aplicación. Ou, por exemplo, no caso das empresas, mentres están fóra da actividade, que as poida usar a cidadanía", expón o fundador de Dooroti, Pablo Guillán.
É unha aplicación semellante ás de buscar aloxamentos: un selecciona o lugar e o momento nos quere aparcar, pode ver no teléfono as opcións que hai na zona e, daquela, facer unha reserva. A empresa, ademais, traballa nunha segunda idea: buscan soares que non se estean usando, teñen que ser urbanizables, parar crear aparcadoiros temporais. Algo así como oficializar os 'leiraparkings'.
Xa tiveron un en Pontevedra e agora contactaron co Concello de Vigo para saber se terían autorización para habilitar estacionamentos na temporada das luces de Nadal. Calculan que na cidade hai terreos onde poderían chegar a aparcar case seis mil coches.