Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dispáranse os prezos da compravenda e alugueiro de prazas de garaxe

Dispáranse os prezos da compravenda e alugueiro de prazas de garaxe

O ano pasado o prezo das prazas de garaxe medrou un 10,2 %

Lugo é a cidade de Galicia onde máis subiu o alugueiro de prazas de estacionamento

G24.gal 11/08/2025 13:53

Atendendo ao ámbito inmobiliario chama a atención que a maior suba porcentual de prezos este último ano experimentárona as prazas de garaxe. O motivo principal? Pouca oferta, e medra a demanda polo aumento do parque automobilístico e as cada vez maiores restricións ao estacionamento nas cidades. 

Aínda que normalmente se sitúen nos sotos, os prezos das prazas de garaxe andan ultimamente polas nubes. Segundo un informe de Fotocasa, o prezo subiu de media algo máis dun 10 % en todas as cidades galegas durante o ano pasado, dous puntos porcentuais por enriba do que subiron os pisos.

"Os prezos son desmesurados. Piden 20.000 euros por unha praza que fai dez anos custaba oito mil. E hai zonas, fóra do centro, onde che cobran 50 ou 60 euros ao mes por unha praza onde cabe un coche xusto", comenta un mozo na rúa.

Evidentemente os prezos oscilan segundo a cidade da que se trate ou a localización da praza. En cidades como Lugo as do centro histórico andan nos 40.000 euros. 

"Véndense algunhas a partir dos 20.000 e outras xa chegan aos 40.000 euros nas prazas en que entra un coche máis grande porque no centro histórico, en moitos dos edificios antigos, son moi pequenas para os coches actuais", di Asier Barja, axente inmobiliario na Cidade das Murallas.

Unha suba de prezos que se explica por unha escasa oferta e unha alta demanda. A peonalización do centro histórico de Lugo está a animar o alugueiro de baixos comerciais e paralelamente a procura de prazas de garaxe, xa que ademais das restricións ao tráfico está previsto implantar zona de baixas emisións. 

"Eu ao centro xa non entro para nada co coche"; "Elimináronse moitas prazas de aparcadoiro en superficie. Hai moita xente que vive ou traballa no centro e pola lei de oferta e demanda as prazas están subindo moito de prezo", comentan uns veciños.

Outro factor que propicia a escalada de prezos é o interese de investidores, que ven nestas propiedades unha boa rendibilidade e un baixo mantemento.

Soben os prezos da compravenda pero tamén dos alugueiros. Precisamente Lugo é a cidade de Galicia onde máis incrementou a renda: dende os 50 aos 90 euros mensuais. 

Así as cousas, se non temos a opción de alugar praza ou desprazarnos a pé, quedan os aparcadoiros públicos, usar o transporte urbano ou andar de rolda ata atopar un sitio onde poder estacionar o vehículo. Como di unha resignada veciña: "Dar vinte voltas e xa está!".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade