Mercados internacionais péchanse á produción española por causa da peste porcina
As exportacións dependen dos convenios entre España e os diferentes países
Algúns países rexeitan a totalidade da carne de porco española, outros so a procedente de Cataluña, atendendo ao protocolo de rexionalización que asinaron con España
España é o maior produtor de carne de porco de toda a UE e o terceiro do mundo
O porcino español é un dos máis potentes de Europa e a peste xa se deixa sentir nos mercados, malia que é un virus inofensivo en humanos. A preocupación entre os produtores é enorme.
"Hai 20 países que directamente pecharon as súas importacións", conta Pablo Meijomín, presidente da Federación Galega de Porcino FEGAPOR.
Preocupación tamén entre os gandeiros galegos, que esta mañá tiveron unha reunión na Consellería do Medio Rural. Eles representan case o 4 % da produción española.
"A día de hoxe xa se cortaron moitos pedidos a eses países e hai industrias galegas que directamente están exportando a eses países ", engade Meijomín.
O Xapón é un deles, ao que Galicia vende carne sen intermediarios.
"De momento cancelaron todos os pedidos, porque non aceptan a rexionalización", apunta o gandeiro.
A rexionalización é un protocolo que España ten asinado con outros países que si seguen importando carne sempre que non proceda da rexión afectada polo gromo, neste caso Cataluña.
"Hoxe mesmo hai unha reunión de urxencia en Cataluña para xa baixar o prezo de referencia, que é o da lonxa de Lleida para baixalo seguramente entre 15 e 20 céntimos. Isto vai ter unha repercusión económica abismal".
O urxente é atallar a propagación da peste. O xerme pode deberse a restos de comida contaminada que se tiran ao lixo e que son obxectivo dos xabarís cada vez con máis frecuencia. Por iso é importante evitar que accedan a eles.
"É dicir, que cando se para nunha área de servizo ou facendo unha excursión campestre por calquera sitio onde haxa presenza de xabarís que non se deixen restos de comida ao alcance destes animais", explica Jesús Javier Orejas, xefe de servizo de Seguridade Animal da Consellería do Medio Rural.