Xinzo, Verín e Celanova, algunhas das vilas que contan con aparcadoiros disuasorios
Atopar praza de aparcamento non é tarefa sinxela en moitas localidades galegas
En Ourense por exemplo hai lista de espera en varios destes recintos
O Concello de Xinzo de Limia conta con cinco aparcadoiros gratuítos espallados por distintas zonas da vila. Así o explica Ramón Gómez, concelleiro de Mobilidade do concello de Xinzo.
"O total en aparcadoiros de balde, que son todos de balde, temos sobre 525 prazas. Para unha vila que estamos aí roldando os dez mil habitantes está ben, é unha porcentaxe alta. Estamos a traballar sobre un aparcadoiro máis dunhas duascentas prazas".
Para conseguir os terreos o Concello ten que negociar. Trátase de solo urbano que o Concello arrenda por cinco anos aos seus propietarios. Os aparcadoiros atópanse en zonas con actividade comercial, sanitaria e administrativa. Trátase din, de que atopar estacionamento non sexa unha odisea e o mesmo tempo se facilite a actividade diaria dos cidadáns.
Moitos dos vehículos que chegan ata aquí fano dende localidades próximas ou mesmo dende Portugal. Os aparcadoiros gratuítos coma estes convertéronse nunha necesidade para veciños e visitantes sobre todo nas zonas máis céntricas.
"Si que o utilizo. É fácil, aparcar e fóra, despois marchar".
"Aparquei aquí neste sitio, está ben para aparcar".
"Se tes nenos, aparcar preto da estrada é perigoso. Se tes un aparcamento, é moito mellor, ou xa os días de choiva tamén".
"Iso si, aquí entran e saen coches todos os días, pero ben, está ben, aquí para iso non hai problema".
Xinzo de Limia é un exemplo dunha situación que se repite noutras vilas da provincia. É o caso de Celanova onde hai catro destes aparcadoiros, en Verín son media ducia. A idea non é outra que a de mellorar a mobilidade, facerlles a vida algo máis sinxela aos veciños e favorecer os intereses do comercio e a restauración local.