Polémica en Cabanas pola corta de árbores no Piñeiral da Madalena
Dende o Concello aseguran que están a cortar as árbores para garantir a seguridade cidadá
Os veciños cren que se fai para ampliar o aparcadoiro
A praia da Madalena, en Cabanas, é unha das máis populares dende hai anos na zona entre A Coruña e Ferrol, entre outras cousas, polo seu piñeiral.
Pois ben, hai polémica estes días con el. O motivo: o Concello está a eliminar árbores, segundo eles, para garantir a seguridade cidadá. Hai veciños que cren que o que realmente buscan é ampliar o aparcadoiro.
"Estamos cortando árbores para meter coches. Árbores inclinadas hai unha no medio do piñeiral dende hai moito tempo e non a cortaron, e agora están cortando por aquí porque está o aparcadoiro", comenta unha das veciñas.
Dende o Concello aseguran que só están cortando as que son perigosas por ter unha grande inclinación ou por estaren secas e enfermas, e tamén que están replantando outro tipo de árbore máis idónea para o terreo. Os veciños cren que esta non é a solución.
"Están plantando agora outras árbores pequeniñas por aí, polo medio... Se hai árbores que xa tiñan décadas, para que cortalas?", cuestiona unha veciña.