Os premios Rei Jaume I reclaman máis implicación das empresas coa investigación
Os premios Rei Jaume I reclaman máis implicación das empresas coa investigación
Santiago acolle a presentación da 35 edición deste galardón, un dos máis prestixiosos no eido científico
Apoiar os que abren camiños para que o país avance. É o que reclama a Fundación Rei Jaume I, que concede un dos premios máis prestixiosos do Estado en Ciencia e Investigación. A convocatoria para presentarse está aberta ata o 5 de abril.
Teñen xa ese premio os galegos Ángel Carracedo, María José Alonso e Felipe Casanueva. Dotado con 100.000 euros é máis cuantioso dos que se conceden en España. E dos máis prestixiosos, entre outras cousas, porque no seu xurado hai 20 premios Nobel.
Hoxe presentaron en Santiago unha nova edición dos galardóns, e reclamaron a necesidade de que o noso país conte con máis conexión entre ciencia e capital privado.
Os nosos científicos chaman a atención do sector empresarial, celebran os recentes cambios lexislativos que facilitan o seu labor e piden máis apoio e máis agarimo para manter e atraer persoal investigador.
"Hai que buscar fórmulas de colaboración público privada porque, a diferenza doutros países, onde máis se nota o escaso investimento que facemos en I+D+I é no sector privado", explicou Ángel Carracedo, premio de Investigación Médica 2009.
"Mellorou. Como consecuencia da pandemia hai que dicir que algunhas empresas recibiron axudas importantes, pero é un sector que require un financiamento alto e nun longo periodo de tempo, e eu penso que este desanima as empresas", observa María José Alonso, premio de Novas Tecnoloxías en 2011.
"Fáltanos unha política máis decidida para a transferencia, ver como os descubrimentos científicos pasan a ser utilizados en proxectos de desenvolvemento, en patentes, en empresas, que é realmente o punto que temos máis atrasado o noso país", engade Felipe Casanueva, premio de Medicina Clínica en 2005.