Os pratos preparados gañan terreo na cesta da compra
O seu consumo multiplicouse por cinco en dúas décadas
O ano pasado os españois compraron máis de 700 millóns de quilos de alimentos cociñados
Achegámonos a un establecemento de comida para levar de Cacheiras. Os seus propietarios observan un crecemento constante das vendas desde que abriron, hai dous anos.
"A xente nova non tanto, pero a partir dos 35, 40 anos para arriba é onde notamos máis clientela", explica Sandra Blanco, a propietaria do obradoiro.
Aquí elaboran comida galega tradicional con produtos frescos: xamón asado, callos, lacón, orella...
"De xamón asado o ano pasado vendemos 5.000 quilos e de callos, case 4.000. Ou sexa, case nove toneladas só deses dous produtos", calcula o home de Sandra, que está á fronte dos fogóns.
No Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación estiman que o consumo de pratos preparados multiplicouse por cinco nas últimas dúas décadas.
Ademais dos establecementos específicos, os supermercados tamén están aumentando a superficie de venda dedicada a produtos listos para comer.
A Asociación Española de Fabricantes de Pratos Preparados afirma que o ano pasado se consumiron en España máis de 700 millóns de quilos de alimentos xa cociñados.