Os praceiros de Ourense, preocupados pola inseguridade na zona
Os praceiros de Ourense, preocupados pola inseguridade na zona
O atraco nunha coñecida queixería, en que o ladrón chegou a agredir a dependenta, vai un paso máis aló dos furtos menores que se viñan rexistrando ata o de agora
Solicitan unha entrevista co subdelegado do Goberno para reforzar a vixilancia
Mari Carmen aínda non se recuperou do susto que levou hai uns días, cando un home, gravado polas cámaras de seguridade da praza, lle roubou a recadación de dous días. Para fuxir deulle un empuxón que lle deixou o brazo marcado.
"Sentín un ruído. Mirei para atrás e atopeino dentro do posto, ao lado da caixa. Cando cheguei á súa altura, deume un empuxón para abrir a porta e marchar correndo. Saín detrás del pero xa non vin por onde fora", explica Mari Carmen Vidal Cruz, vítima dun atraco.
Ocorreu ao final da xornada, pouco despois das tres da tarde, cando xa non quedaba practicamente ninguén na praza. Un suceso que activou as alertas. Os praceiros conviven cos furtos a diario, pero isto, din, é intolerable.
"Eu estou moi desgustada porque lle quero moito a esa xente e, ademais, o que hoxe lle pasou a ela, mañá pódeme pasar a min e pasado a outro", explica Margarita, foiteira.
"Que alguén colla unha mazá, pode ser que non ten para comer, pero se van aos cartos hai que tomar outro tipo de medidas", engade Rubén, que ten unha tenda de queixos.
Na zona do rianxo, o problema é o abandono xeral das instalacións, que as converteu nun espazo marxinal. "Aquí, roubar e agredir non, pero fan moitas pintadas e deixan todo sucio", conta Inés, que ten unha cafetería na zona.
Quéixanse tamén de problemas de seguridade derivados do ambiente nocturno. Aseguran que cada vez son máis frecuentes as pelexas de madrugada.
"Pelexas, como está habendo, con navallas e cans. De ningunha maneira imos permitir que se converta nunha zona de roubos e de atracos", di Emilio González, presidente da praza de Abastos.
Acaban de aprobar unha serie de medidas para reforzaren a vixilancia, desde instalar máis cámaras a pechar antes. Non desbotan contratar seguridade privada se fose preciso, pero antes solicitarán un reforzo da vixilancia por parte da policía.