Os pictogramas entran nas comisarías para nenos e mulleres con discapacidade
Son máis de 700 pictogramas orientados a denunciar delitos sexuais
Valoran o manual para darlle á vítima a posibilidade de contar os feitos en primeira persoa
"Dende un simple bico, un tocamento, a violacións, ou sexo oral. Teriamos tamén agresións", sinala Julio Lorenzo, xefe da UFAM da Policía Nacional da Coruña.
Son debuxos, pictogramas, con contido sexual dirixido a vítimas que non son quen de describilo con palabras.
"Son debuxos pensados para persoas nunha idade moi temperá, rapaces ou rapazas moi novos ou persoas cunha discapacidade moi elevada que non poden manter unha entrevista como pode manter outra persoa", engade o xefe da UFAM.
"Está poñendo no foco a loita contra a violencia de xénero e sexual contra as mulleres con discapacidade e contra os nenos, nenas e adolescentes con discapacidade ou sen ela", valora Marta Núñez, vogal de ACADAR.
Nenos e mulleres con discapacidades, porque as vítimas de delitos sexuais case sempre son elas, para quen é difícil denunciar, pero xa antes recoñecer o delito.
"Na discapacidade intelectual, que hai determinados problemas cognitivos que lle fan ver a realidade dunha maneira diferente, pódese dar o caso que unha persoa normalice unha situación que realmente non é normal. O uso de debuxos e pictogramas é moito máis efectivo para que, sinalando situacións, estados de ánimo, ou localizacións, poidan contar o que lles ocorreu, evitando unha linguaxe moito máis técnica", explica Núñez.
700 debuxos cunha lectura de dereitos sinxela e adaptada e con persoas e situacións.
"Relacións familiares, se é meu irmán, se é meu pai. Hai pictogramas para referirse á idade do presunto agresor, temos outros máis específicos, como dun condutor ou condutora de autobús, ou dun fisioterapeuta, persoal co que podería esa persoa estar nunha situación da súa vida diaria e sufrir unha acción delitiva", describe Lorenzo.
Por iso, é tan importante que sexan protagonistas da súa propia historia.
"Moita veces as persoas que agriden ás vítimas de violencia sexual ou de xénero en persoas con discapacidade soen ser os coidadores, familiares directos ou persoal de atención porque poden ter unha dependencia. Por iso é importante que a propia persoa poida dicir en primeira persoa o que sucedeu e como sucedeu", destaca Andrea Ferrari, psicóloga de ACADAR
O agresor dos nenos case sempre está no círculo familiar máis íntimo. En mulleres con discapacidade, o abano ábrese a profesionais do contorno.