Acabou abril sen augas mil
No pasado mes choveu doce días en Galicia e en Ourense houbo 16 xornadas con máis de 25 graos
Maio comeza con tempo tipicamente primaveral e máximas de vinte graos
Abril, se por mal quere vir, nin as portas deixa abrir. Este ano non semella que fixera así o mes que deixamos atrás.
"Houbo sol, viñamos duns meses de estar moi mal o tempo e deu gusto, para min foi un gusto", "en abril estivo moi bo, na Semana Santa tivemos moi bo tempo", "ao último fixo moi mal tempo de súpeto e cortoume o rollo", din varias persoas en Santiago.
Pazos de Borbén é a localidade en que máis auga se recolleu, foron trinta litros por metro cadrado nas treboadas desta semana. Abril, para ser abril, ten que vir con augas mil. Este non foi o caso. Choveu menos de medio mes, e pouca cantidade.
"Marabilloso, porque eu estiven na praia en Miño, o tempo acompañounos, polas mañás un pouco tal, pero estábase ben", explica un veciño de Compostela.
Así as cousas, houbo xa quen quitou o saio antes do corenta de maio. As temperaturas foron algo superiores ao habitual esta época.
Ourense incluso marcou a máxima de España o domingo pasado, 32 graos. E houbo dezaseis xornadas en que tiveron na cidade da Burgas máis de 25.
Acabamos un mes logo con menos auga e máis calor, aínda que o despedimos cunha baixada dos mercurios.
"Rematamos o mes de abril con descenso de temperaturas e maio vén igual, máximas normais para esta época do ano, sobre vinte graos, máis ou menos en toda Galicia, coa excepción de Ourense que terá 24, en xeral mantense esa dinámica. Tamén falamos desas chuviñas que nos van acompañar non só nesta fin de semana senón tamén nos vindeiros días", informa Ana Celia Vázquez, do Tempo da TVG
A sabedoría popular tamén di que abril e maio son as chaves de todo o ano. Veremos se nisto atina o noso refraneiro.