Os perigos do tabaco sen fume que está fóra da normativa vixente
Detectan a proliferación de novos produtos con nicotina que poden xerar adicción
As bolsas de nicotina sintética, coñecidas como o "snus" branco, carecen de regulamentación específica
A mocidade percíbeas menos prexudiciais que os cigarros porque non emiten fume
Os profesionais sanitarios están a detectar a proliferación de novos produtos baseados na nicotina e máis adictivos que o tabaco. Un deles son as bolsas de nicotina sintética, coñecidas como "snus" branco, que non se fuman senón que se introducen na boca para ter efecto e que están a chegar aos adolescentes.
"Esas bolsas introdúcense na meixela e vaise absorbendo aos poucos. O que sucede é que non coñecemos a concentración das bolsiñas, nin están regulamentadas e ao ser nicotina sintética queda fóra da legalidade na actualidade", describe María Jesús García Blanco, responsable do programa de tabaquismo da Consellaría de Sanidade.
Á diferencia dos cigarros, as bolsas de nicotina son moi discretas: pódense consumir en calquera lugar e non desprenden fume. Por iso, moitos mozos percíbenas como menos prexudiciais que o tabaco.
"O maior efecto é o grande poder adictivo que ten. É un perigo importante e tamén os efectos que xa coñecemos no ámbito cardiovascular que ten e noutros sistemas orgánicos", comenta a doutora García Blanco.
O snus, que é como o tabaco de mastigar só que non se cuspe, é legal en Suecia pero a súa venda está prohibida no resto da Unión Europea. O problema vén coas bolsas de nicotina sintética, porque ao non levar tabaco, só nicotina, carecen de regulamentación específica, polo que se poden mercar en establecementos e son doadas de atopar na Internet.
"Estamos diante dun baleiro legal. No ámbito sanitario non podemos facer ningún tipo de control. Non existe porque está fóra da normativa que actualmente está vixente. Pódese comprar pola Internet basicamente ou nalgún establecemento, pero non hai ningún control sanitario. Iso é moi perigoso", lamenta a responsable de tabaquismo da Consellaría de Sanidade.
As asociacións antitabaco veñen pedindo dende hai tempo a prohibición da venda destes produtos.