Os perigos de compartir localización
Un 65 % da mocidade comparte a súa localización con familiares e, sobre todo, con grupos de amigos
Alegan que o fan por seguridade, pero acaba converténdose en control, perda de privacidade e dinámicas tóxicas
Deixar aberta a localización é tamén abrir a porta a delincuentes
Compartir a localización coa familia e cos amigos está de moda. Un 65 por cento da mocidade así o fai, alegando motivos de seguridade e protección.
"Con algún amigo téñoa, pero por se acaso para saír de festa e cousas así, non máis". "Sobre todo coas miñas compañeiras cando saímos de festa para saber onde estamos, non vaia ser que unha vaia soa para a casa ou o que sexa".
Esa é unha cousa e outra moi distinta é estar permanentemente controlados. Compartir a localización as 24 horas do día pode desencadear en dinámicas moi tóxicas de control e falta de confianza e privacidade.
"Penso que tampouco é de todo bo pois que alguén saiba onde estás en todos os momentos do día, pero vaia". "Porque é moi tóxico e eu son moi libre". "Por exemplo entre parellas é moi distinto que con amigos porque ao final é unha forma de controlar tamén". "A min agoniaríame, paréceme innecesario", comentan varias persoas novas.
Innecesario e perigoso. Compartir localización é deixar unha porta aberta non só para curiosos senón tamén a delincuentes. É un dato sensible que achega información de onde estamos, pero tamén de onde non estamos.
"Podemos ser vítimas dun roubo, podemos compartindo localización facer un perfil dixital noso das nosas rutinas, os sitios onde estamos habitualmente, iso mantense sempre en Internet e por outro lado tamén ser vítimas de suplantación ou no caso de menores, de 'grooming' que se fan pasar por persoas sabendo as túas localizacións para conseguir o fin que queiran eles", advirte Martín González, responsable de Comunicación de Cloud.gal.