Os pais de Sandra Peña piden unha sanción exemplar para o colexio
Ambos os dous proxenitores compareceron como testemuñas prexudicadas ante a Fiscalía de Menores sevillana, que investiga as circunstancias que rodean o suicidio
Os pais de Sanda Peña, a menor que se suicidou en Sevilla despois de ser vítima de acoso escolar, pediron unha sanción contundente e exemplar para o colexio onde estudaba a rapaza.
Ambos os dous proxenitores compareceron como testemuñas prexudicadas diante da Fiscalía de Menores sevillana, que investiga as circunstancias que rodean o suicidio.
Os pais de Sandra Peña, a alumna de 14 anos do colexio concertado de Sevilla que se suicidou despois de sufrir presuntamente acoso escolar, chegaron acompañados polo seu avogado á sede da Fiscalía de Menores de Sevilla para declarar en calidade de testemuñas prexudicadas.
Ás portas do edificio, o tío da rapaza e voceiro da familia adiantou que os pais solicitarán unha sanción contundente e exemplar contra o colexio por non actuar a tempo.
“O feito de estar aquí tamén é para que isto non se repita. E o único xeito de que non se repita é que esa sanción sexa contundente e exemplar, para que a ningún centro escolar se lle volva pasar pola cabeza non atender unha familia cando lle presentan unha situación de acoso no colexio”.
A Fiscalía de Menores mantén abertos dous expedientes, un sobre a posible implicación nos feitos de tres compañeiras do colexio e outro que analiza a responsabilidade do centro educativo, que non activou o protocolo antiacoso a pesar das denuncias da nai.