Os ópticos galegos advirten sobre os perigos do mal uso das lentes de fantasía
Recomendan buscar o asesoramento dun profesional para escoller cales usar e aprender como facelo
Á hora de caracterizarse para o Entroido hai que ter en conta cuestións de seguridade para que a nosa saúde non se poña en risco. Sobre a saúde ocular, en concreto, advirten os ópticos galegos.
Se optamos por usar lentes de fantasía, debemos buscar o asesoramento dos expertos e optar polos que cumpren cos parámetros sanitarios. De lobo, de dragón ou de vampiro, o máis importante das lentes de Entroido é que o susto que nos dan non acabe por ser real.
"Irritación, inflamación, conxuntivite, queratite, moita xente porque se pasa de horas coas lentes, ou mesmo queda durmido con elas postas. Tamén hai problemas ao extraelas, porque poden facer efecto ventosa e ao extraelas podes arrastrar parte do epitelio corneal, co cal queda a córnea exposta, é bastante doloroso e moi desagradable", explicou Alexander Dubra, do Colexio de Ópticos e Optometristas de Galicia e profesor da USC.
O mesmo ca as de verdade, as lentes de fantasía precisan un proceso de adaptación do ollo. Un exame previo para que un experto nos diga se podemos usalas, nos explique como e nos recomende cales.
"É necesario un exame previo por parte dun experto. Moita xente que usa estas lentes de fantasía non está afeita a usar lentes de contacto de xeito habitual, e non está familiarizada nin con como se manipulan, como hai que conservalas ou limpalas. Así que é importante recibir as indicacións para facelo de xeito correcto", engadiu o óptico Alexander Dubra.
O mesmo ca nas maquillaxes, hai que escoller as lentes que non danen a saúde, para evitar, despois da festa, molestias que poden durar días ou acabar derivando en patoloxías máis graves.