Os investigadores agardan novas detencións en relación ao alixo da Pobra
Os investigadores cren que o alixo se organizou dende Cambados, de onde supostamente serían tamén os donos do cargamento
Todo se xestou dende Cambados, pero estendeuse como unha marea negra, a un lado e a outro, da ría de Arousa. Polo Salnés e polo Barbanza.
Dezaoito rexistros e once detidos, en Cambados, Sanxenxo, Vigo, Ribeira, na Pobra, en Outes e en Noia, cada un co seu rol.
Á falta de información oficial, que tardará aínda unhas horas ou uns días, no Salnés estarían os encargados de recibir a droga no mar e levala ata terra. Os do Barbanza de recollela na praia e gardala. Esta parte foi a que fallou.
A policía recuperou máis de 3.500 quilos de cocaína ás poucas horas da descarga porque estaban sobre aviso. A metade da droga quedou ciscada no medio da vila nunha mala manobra durante a persecución policial. A outra parte apareceu nun soar abandonado, tapada cuns plásticos de mala maneira. E os tres supostos tripulantes da narcolancha vagaron pola Pobra, facéndose pasar por peregrinos. Foron os primeiros en caer.
O que non se localizou, de momento, é o narcosomerxible. Non sorprende, porque as propias organizacións se encargan de facelos desaparecer, normalmente no fondo do mar.
Faltan tamén detencións. Como mínimo, as dos verdadeiros donos da droga, que, segundo as pescudas policiais, serían tamén de Cambados. Son os que adiantan os cartos e tamén os que máis se lucran cando a mercadoría chega ao mercado negro. Os arrestados ata agora serían os peóns.
A maioría están relacionados coa descarga, pero hai dous nomes que destacan, dous empresarios con negocios náuticos en Cambados e en Ribeira. Moncho o Pistolo, das vellas glorias, e Pablo Lindner, das novas xeracións. Pasado e presente unido na Operación Saona, que segue aberta e baixo segredo de sumario.