Os nenos que pasaron a covid tamén deben vacinarse
Galicia dispensa a segunda dose da vacina pediátrica a partir do vindeiro mércores día 9
Os grandes recintos de vacinación prepáranse para recibir de novo, a semana que vén, a poboación infantil. Transcorrido o prazo de oito semanas que marcou a Comisión de Vacinas, os menores de entre 5 e 11 anos están sendo convocados xa para a segunda dose.
Cóntanse coa recomendación expresa dos expertos en vacinas: lembran que a vacina é beneficiosa e evita os poucos casos de enfermidade grave por covid que se dan na poboación infantil.
"Sabemos que as vacinas en nenos preveñen estes moi poucos casos e moi graves de formas inflamatorias asociadas á covid e en que as vacinas demostraron unha efectividade superior ao 90 %", explica Federico Martinón, xefe de Pediatría no CHUS e especialista en vacinas da OMS.
Nesta segunda tanda, espérase repetir o éxito que houbo coas primeiras doses da vacinación pediátrica. En Galicia logramos un 81 % de adherencia fronte ao 55 % da media estatal.
"No mundo vacináronse millóns de nenos desta idade con estas vacinas sen ningunha incidencia salientable".
Os nenos que pasaron a covid antes de poñer a primeira dose deben vacinarse pasadas oito semanas desde a infección.
"Ter a infección non é suficiente para estar protexido fronte á covid. Dá igual que sexa con ómicron ou con outra variante. Co cal unha persoa que pasou a infección debe vacinarse", insiste Martinón.
Os que xa recibiran unha dose e mesmo así se contaxiaron deben agardar un dobre prazo: oito semanas -como mínimo- desde a infección, e oito semanas -tamén, como mínimo- e desde a administración da primeira dose.