Os mellores na PAU reciben a súa homenaxe
No evento, celebrado en Vigo, participaron preto de mil alumnos de 214 centros
Como cada ano os mellores expedientes nas probas de acceso á universidade tiveron a súa homenaxe. Desta volta, foi en Vigo, nun acto que contou coa presenza de preto de mil rapaces pertencentes a 214 centros de toda Galicia. Son os que lograron superar unha nota de 8,5 na fase xeral do exame.
Unha homenaxe que os rapaces e rapazas poden compartir con familiares e amigos, e que foi o broche de ouro para un ano complicado, de moita presión, como explica Vera Tenorio, estudante de Moaña.
Un traballo intenso que por momentos mesmo lles impediu, como explica Alba Martínez, do Calasanz da Coruña, compaxinar o estudo coas outras actividades propias do seu día a día.
Por iso o fundamental, din, é organizarse. Claudia Cantón, do Peleteiro de Santiago, ten claro que a materia en si non é difícil. So hai que seguir unhas pautas, como conta tamén Adela Dacal, do Ies Número 1 do Carballiño.
¿E como se pode levar mellor? ¿Con música ou sen ela? ¿Co móbil "secuestrado" ou con acceso a el? A verdade é que entre os homenaxeados atopamos certa división de opinións, pero Cayetana Sangiao, do Peleteiro de Santiago, danos algunhas pistas.
Traballo duro para os rapaces pero tamén para os docentes. Este acto supuxo un recoñecemento tamén aos centros dos que saíron os mellores expedientes académicos, o berce quizais do talento universitario dos próximos anos.
Como contaba Sergio Martínez, do colexio vigués Amor de Deus, o seu apoio foi decisivo nos meses previos a unha proba tan importante como é a de acceso á universidade.
Son estes momentos de celebración, en espera de saber se as notas que obtiveron lles van permitir acceder a esa carreira coa que levan tempo soñando.
Algúns teñen a sorte de ter xa un seguro no caso de non lograr praza. É o caso de Sofía López. Esta alumna do Ies Xosé Neira Vilas de Oleiros ten a sorte de proceder dun centro plurilingüe, onde aprenden tamén en francés, o que lle pode permitir estudar no país veciño.
Moitos teñen o seu sono posto en estudar unha carreira concreta nunha cidade determinada, a poder ser en Galicia. A outros, pola contra, non lles importaría coller as maletas.
E ainda que a PAU está recén superada e chega o verán, algúns, como Antón Fernández, do Calasanz da Coruña, semellan estar xa ansiosos por dar novos pasos.
Polo momento, a desfrutar do premio. Logo xa haberá tempo para descansar dun ano tan duro e tamén, como non, para aproveitar ben as vacacións antes de coller de novo os libros e iniciar esa nova etapa universitaria para a que tanto se prepararon.
A Universidade de Vigo foi a anfitrioa no evento, que reuniu en total unhas 2.400 persoas -alumnos, docentes e familiares-. Nel participaron o seu reitor, Manuel Reigosa, e os seus homólogos na Coruña e Santiago, Ricardo Cao e Antonio López.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, felicitou aos estudantes polos seus "excelentes resultados académicos" e trasladoulles que son "a mellor baza da Galicia do futuro".
Rodríguez cre que Galicia é máis esixente ca outras comunidades
Rodríguez, apuntou que os estudantes galegos adoitan "destacar" sobre os doutras autonomías en informes internacionais que miden o nivel do ensino, como PISA, pero que "con todo na selectividade non".
Isto débese, segundo as súas palabras, a que en Galicia mantense unha "liña de coherencia".
"E, non quero criticar a ninguén, pero outras comunidades autónomas teñen un sistema diferente que os leva a que, en certa medida, reduzan a calidade e a esixencia", asegurou.