Os lumes en Quiroga acabaron co material xenético de oliveiras centenarias
A colleita de olivas prevese semelllante á de 2024
Falta menos dun mes para que lle chegue a maduración á oliva galega, un froito que produce un aceite exquisito do que apenas quedan existencias sen vender dun ano para outro debido á súa calidade. Despois dos lumes destas semanas a produción de aceite de oliva galego verase resentida, tanto pola cantidade, coma pola perda do material xenético das oliveiras máis vellas.
Os produtores prevén que os resultados da colleita sexan semellantes aos do ano pasado, dadas as condicións meteorolóxicas que se deron, co cal non será un ano especialmente bo, segundo nos comentou Julio Quiroga, socio da almazara Ouro de Quiroga.
"Cando empeza a cambiar a oliva de verde a morada ese será o momento óptimo para empezar a recollida, sobre mediados de outubro. Había a previsión de que este ano fora unha colleita abundante porque houbo unha boa floración pero todas as condicións climáticas fixeron que certas plantacións foran perdendo rendemento e pensamos que estaremos nas cantidades do ano pasado" asegura Julio Quiroga.
Os lumes, que este ano arrasaron un terzo das terras quiroguesas, acabaron co material xenético de parte das oliveiras centenarias que hai na comarca de Quiroga, a zona de Galicia onde se preservou a tradición oliveira galega, un referente internacional cando se fala da calidade do aceite de oliva.
"Gustaríanos que se fixeran os traballos e se pensase nas actividades do rural, iniciativas coma esta e outras que hai, e que nos axuden a coidar do noso territorio", di Quiroga.
A empresa de Julio Quiroga foi creada en xullo de 2014 e no ano 2024 produciu uns 2.000 litros das variedades autóctonas brava e mansa.