Publicador de contidos

Publicador de contidos

Locais comerciais dun edificio de Pontevedra levan case tres anos cun andamio diante

Locais comerciais dun edificio de Pontevedra levan case tres anos cun andamio diante

Algúns negocios xa pecharon ata que retiren as estadas, instaladas para renovar a fachada

A obra, que está parada, ten licenza prorrogada ata o mes de novembro

G24.gal 20/04/2022 14:58

Dentro de apenas dous meses fará tres anos que un edificio da rúa Rosalía de Castro está cuberto por unha estrutura de andamios instalada para renovar a fachada. Estaba previsto que os traballos duraran algo menos dun ano e medio pero, a estas alturas de 2022, a obra non só continúa sen finalizar, senón que está parada.

Os principais prexudicados son os negocios situados nos baixos. Unha delas, María Rey,  propietaria dunha cafetería, que explica que "os locais empezan a pechar, moitos ata que saquen o andamio, pero aquí non hai ninguén traballando".

Carmina Mora, dona dunha tenda de roupa no edificio, apunta que "ao principio dicían que se a empresa deu en quebra, logo falaban da falta de material, que se o covid, sempre van buscando escusas".

No local contiguo, Silvia Díaz, que ten aberto un taller de costura, quéixase de que "onte en toda a mañá só fixen cinco euros, xa estou agoniada para pagar o alugueiro, xa non digo gañar un soldo porque non chego.... eu xa quero pechar".

Outros negocios xa o fixeron, como unha panadaría que abriu hai cinco meses e que non aguantou máis tempo. As estadas fan que o tránsito de peóns por este tramo da rúa baixara notablemente, e os que si pasan apenas poden distinguir que comercios están aquí.

"A xente pasa de longo" di María. Noutra das tendas de roupa, Conchi López asegura que por culpa do andamio "baixou a facturación un 40 por cento".

A obra ten licenza prorrogada ata novembro, pero o problema, segundo denuncian, é que non avanza. Por iso reclaman unha vez máis que as autoridades tomen medidas para evitar máis peches.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade