Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os investigadores dan por desartellada a organización fabricante de 'narcolanchas'

Os investigadores dan por desartellada a organización fabricante de 'narcolanchas'

A operación remata cun balance final de 22 persoas detidas e 27 rexistros

A Garda Civil fixo públicas as imaxes da operación Munari contra o narcotráfico, con epicentro na comarca do Salnés.
G24.gal 19/04/2022 11:22

As autoridades dan por desartellada a organización galega dedicada á fabricación de embarcacións de alta velocidade, empregadas para o narcotráfico. A operación remata cun balance final de 22 persoas detidas e 27 rexistros.

Esta rede, asentada no Salnés, contaba con infraestrutura noutros lugares, como A Coruña, Salamanca, Madrid ou Barcelona, e mesmo en Portugal.

Os investigadores destacan o traballo conxunto da Policía Nacional, da Garda Civil e do Servizo de Vixilancia Aduaneira, que permitiu realizar esta operación, bautizada co nome de Munari, e na que lograron identificar e establecer a estrutura e as funcións dos membros da organización criminal.

Segundo aseguran, a organización contaba con membros cunha alta especialización, tanto para a fabricación, como para a custodia e finalización destas embarcacións.

Explican que fabricaban estas embarcacións de alta velocidade, consideradas de xénero prohibido, en distintos lugares da provincia de Pontevedra. Logo contaban con outra serie de enclaves en Portugal onde remataban as planadoras.

Por último, noutras cidades españolas dotábanos do equipo necesario para o seu uso polos narcotraficantes, e xa se trasladaban para seren empregadas para o transporte de estupefacientes na zona sur de España.

Durante esta operación policial localizáronse máis de vinte embarcacións de alta velocidade en diversos estados de finalización, das cales seis estaban xa en disposición de ser botadas de forma inminente.

Os axentes, tras a autorización do Xulgado de Instrución número 4 de Cambados, entraron en 27 domicilios e localizacións empregadas polos investigados, en senllos rexistros realizados nas provincias de Pontevedra, A Coruña, Madrid, Salamanca e Barcelona.

Ademais, outros dous rexistros foron na zona norte de Portugal, nas localidades de Viana do Castelo e Valença do Miño, nos que colaborou a Policía Judiciaria de Portugal.

Dos 22 detidos, oito ingresaron en prisión provisional, comunicada e sen fianza, acusados dun delito continuado de contrabando, un delito continuado de pertenza a organización criminal e un delito contra a saúde pública.

Os catorce restantes quedaron en liberdade, aínda que polo menos a catro deles retiróuselles o pasaporte e non poderán abandonar o territorio nacional ata nova orde. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade