Os instaladores de piscinas teñen listas de espera dun ano para outro
A demanda aumentou sen pausa dende o confinamento
Os clientes tamén mudaron, pasando de peticións puntuais a converterse nunha opción indispensable nas vivendas novas
A alta demanda tamén repercute na suba de prezos das instalacións
Capricho ou necesidade, dispor dunha piscina en propiedade foi de sempre unha aspiración para aqueles que dispoñían de espazo na leira. Pero é que dende o confinamento, as empresas que se dedican a construción destas estruturas experimentaron un aumento da demanda que se mantén na actualidade.
"É verdade que está aumentando. Dende a covid houbo un lixeiro aumento, cada vez máis e o certo é que estamos rebordados", comenta Luis Louzao, xerente de Aquadiseño en Santiago de Compostela.
Esa demanda estase traducindo en demoras de varios meses. De feito, as empresas dedicadas a estas estruturas teñen unha lista de espera dun ano para outro. Unha demanda que tamén cambiou con respecto hai uns anos.
"Dende a época da covid solicitábannos moito xente maior, para xuntar ás familias e aos netos, e a día de hoxe xa calquera é perfil apto para nós. Cando se monta unha casa nova xa vai da man da piscina e nós, o tipo de produto que facemos, é para un perfil medio-alto", asegura Luis Louzao.
Malia a proximidade do litoral son moitos os que apostan por unha piscina na súa propiedade, especialmente na Galicia interior e ultimamente nas cidades. E tamén estase a notar unha preocupación ambiental, relacionada co consumo e a calidade da auga dos vasos.
"Cómpre buscar ofrecer sempre o mellor produto, cunha calidade de filtración e sobre todo un asesoramento dende as nosas instalacións para coidar a auga todo o ano, xa que é un punto moi importante. É onde nos bañamos nós e tamén as nosas familias e hai que coidalo para non ter que estar tirando esa auga constantemente", sinala o xerente de Aquadiseño, Luis Louzao.
E coa demanda tamén soben os prezos, un vinte e cinco por cento máis con respecto a antes da covid. Dende dezaseis mil euros pódese desfrutar dunha piscina propia e dunha fantasía feita realidade.