Desactivado o nivel 2 no incendio de Ribas de Sil tras queimar 90 hectáreas
Á madrugada deste domingo foi desactivada a situación 2, que fora decretada como medida preventiva
Activos tamén dous incendios, en Vimianzo con 40 hectáreas calcinadas e Laxe con 100 ha
Incendio Ribas de Sil
Aínda permanece activo, desde as 18.22 horas deste sábado, o incendio do concello lucense de Ribas de Sil, parroquia de Soutordei. Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 90 hectáreas.
Neste lume foi desactivada á madrugada do domingo a situación 2, que fora decretada, como medida preventiva, pola súa proximidade ao núcleo de Chenzas.
DESACTIVADA a Situación 2, que fora declarada como medida preventiva no #IFSoutordeiRibasdeSil, por proximidade ao núcleo de Chenzas. Este lume afecta arredor de 90 ha, segundo as últimas estimacións provisionais.
— incendios 085 (@incendios085) July 12, 2026
Para a extinción deste incendio mobilizáronse, polo de agora, 1 técnico, 15 axentes, 20 brigadas, 15 motobombas, 3 pas, 5 helicópteros e 4 avións.
Outros incendios
No concello de Laxe, na parroquia de Nande, rexistrouse outro lume, actualmente activo, desde as 21.55 horas do sábado.
Segundo as últimas estimacións provisionais rolda as 100 hectáreas de superficie afectada.
ACTIVO un lume no concello coruñés de Laxe, parroquia de Nande, que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de arredor de 100 ha. #IFNandeLaxe
— incendios 085 (@incendios085) July 12, 2026
Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 2 técnicos, 13 axentes, 12 brigadas, 12 motobombas, 4 pas e 2 unidades técnicas de apoio.
Está tamén activo, desde as 20.16 horas deste sábado, un incendio no municipio de Vimianzo, parroquia de Salto.
Segundo as últimas estimacións provisionais, afecta arredor de 40 hectáreas.
ACTIVO un incendio no municipio coruñés de Vimianzo, parroquia de Salto. Afecta unhas 40 hectáreas, segundos as últimas estimacións provisionais. #IFSaltoVimianzo
— incendios 085 (@incendios085) July 12, 2026
Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora, de xeito acumulado, 7 axentes, 10 brigadas, 8 motobombas, 1 pa e 1 unidade técnica de apoio.