As treboadas tamén provocan incendios en Laxe, Vimianzo, Zas e Muxía
As treboadas foron secas en boa parte deses municipios e os raios provocaron incendios en varios puntos
Imaxe dunha treboada. Imaxe de arquivo.
As treboadas deste sábado provocaron varios incendios, que seguen activos, nas comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra.
En Vimianzo, as lapas prenderon pasadas as 20:00 horas en tres puntos da parroquia de Salto, pero as lapas xa están controladas, segundo confirmaba na Radio Galega a alcaldesa, Mónica Rodríguez. Agora preocúpalles máis outro lume, no veciño concello de Laxe, no lugar da Viqueira, que avanza por unha zona de monte. Os equipos contraincendios están traballando e agardan controlalo o máis pronto posible.
En Muxía, nas proximidades do lugar de Coucieiro, hai outro lume activo, pero xa controlado grazas á rápida intervención dos equipos contraincendios.
En Zas, pouco despois das nove da noite prendeu outro lume na parroquia da Gándara, tamén por un raio da treboada, que foi seca na maior parte dos municipios desa zona. Non hai vivendas preto e o rexedor, Manuel Muíño, afirma que pronto quedará baixo control.