Os hostaleiros de Santiago rexeitan de novo a taxa turística antes da súa votación
A Unión Hoteleira de Compostela critica que o tributo é inxusto, precipitado e xera inseguridade xurídica
Acusan o Concello de penalizar o turismo que máis achega e ignorar os excursionistas que saturan a cidade
Reclaman máis control sobre os pisos turísticos e unha xestión eficaz dos fluxos de visitantes

A Unión Hoteleira de Compostela (UHC) reiterou este martes o seu "rexeitamento unánime" á implantación da taxa turística, que se votará este xoves no pleno do Concello de Santiago.
A asociación reuniuse para reforzar a súa postura contraria, malia que o Goberno local decidiu adiar a aplicación efectiva do tributo ata outubro.
A UHC asegura representar a maioría das prazas hoteleiras da cidade, cun impacto de máis de 1.000 empregos directos e unha contribución significativa ás arcas locais mediante impostos como o IBI. Por iso, defende que a hostalería legal é un dos principais motores económicos do concello.
Segundo os hostaleiros, a taxa “lonxe de ordenar o turismo, penaliza inxustamente o visitante que fai noite”, que consideran o máis responsable e o que máis achega á economía local. Critican que o tributo ignora os excursionistas, cruceiristas e grupos organizados que só permanecen unhas horas e que son os que realmente provocan a saturación urbana.
Ademais, consideran que a medida chega sen información previa para os milleiros de persoas que xa reservaron, o que xera “inseguridade xurídica”, prexuízos para os establecementos e unha carga administrativa que non lles corresponde. “Que pasa se un cliente se nega a pagala? Quen asume a reclamación?”, cuestionan.
A UHC tamén alerta da proliferación de pisos turísticos sen control normativo. Por iso, conclúe que “o verdadeiro reto non é recadar, senón xestionar ben”, ordenando fluxos, protexendo a convivencia e reforzando os servizos.
En definitiva, insisten en que “o turismo que dorme en Santiago non colapsa a cidade, senón que xera emprego, riqueza transversal e consumo local”.