Os híbridos son os coches máis vendidos este ano en Galicia
Os eléctricos van gañando terreo e duplican vendas respecto a 2024
Un mercado clave para a economía que abre unha chea de interrogantes para os compradores.
"Quero mercar un coche pero aínda non teño decidido cal. Ese é o problema", di unha clienta.
Modelos eléctricos, híbridos e mesmo motores de combustión que aínda se venden. "Non hai certeza do que vai ocorrer. A xente o que fai é estirar máis o seu coche. O parque móbil está nos 14 anos", explica Jorge Alfeirán, xerente dun concesionario.
Para os que dan o paso e se lanzan a mercar coche, a opción é clara.
"O que máis se vende agora mesmo son os híbridos convencionais. É o produto estrela que temos nos concesionarios", afirma o xefe de vendas de Breogán Motor, Jesús Somorrostro.
Son os máis vendidos, pero os eléctricos van gañando terreo. As vendas no que vai de ano aumentan máis dun cen por cento.
"Isto vai cara á electrificación. É certo que vai máis lento do necesario, pero aí van entrar as axudas do Moves e as opcións de recarga", xustifica Alfeirán.
E pensan que a posibilidade de alongar a vida útil dos motores de combustión que estuda a Unión Europea é transitoria. O futuro, din desde o sector, non será único. Apostan porque haberá distintos modelos de mobilidade.