Os grupos electróxenos mantiveron o CHUAC operativo durante o apagamento
Os catro xeradores de potencia mantiveron operativo o CHUAC durante o apagamento
O hospital coruñés alugou outros catro xeradores auxiliares, que non precisou empregar
Manter operativo o servizo de urxencias, as unidades de coidados intensivos, os quirófanos... E a partir de aí o resto do hospital. No CHUAC o protocolo estaba claro e aplicouse desde o momento en que se produciu o apagamento. Os catro grupos electróxenos, cunha potencia conxunta dunhas cinco mil KVA, puxéronse en funcionamento cun consumo duns 400 litros de gasóleo por cada hora que pasaba.
"Cada grupo mantén operativa unha zona, aínda que podemos intervir e desviar manualmente potencia dunha a outra en caso de avaría", contounos Víctor Calvo, responsable de mantemento da Área Sanitaria coruñesa.
"O que si houbo que facer foi recargar para encher os xeradores de gasóleo ao longo do día", precisou o seu homólogo no CHUAC, Javier Viña.
Os depósitos de combustible dos xeradores de potencia mantivéronse sempre por riba do 60 por cento, e nese punto volvéronse encher ata en tres ocasións, polo que a operatividade do complexo hospitalario non estivo ameazada en ningún momento. Pero conforme avanzaba o día, e ante a escaseza de información sobre canto podía demorar aínda un apagamento dunha duración sen precedentes no país, unha empresa con sede en Bergondo achegou outros catro grupos electróxenos cos que facer fronte a calquera avaría.
"Alugámolos por se algún dos nosos grupos se avariaba, pero non chegamos a botar man deles", explicou Víctor Calvo.
"Nós estabamos atendendo ademais demandas doutros hospitais galegos e doutras partes de España", contounos a responsable de Recursos Humanos da empresa Genesal, Ángeles Santos.
O luns comprobamos o vulnerables que somos, pero tamén que as prioridades sobre que protexer primeiro están moi claras.