Científicos do Inibic da Coruña logran o primeiro transplante a porcos de riles porcinos modificados con organoides humanos
Científicos do Inibic da Coruña logran o primeiro transplante a porcos de riles porcinos modificados con organoides humanos
É un fito no campo da medicina rexenerativa grazas a un equipo internacional liderado por científicos españois, entre eles galegos
No futuro poderían ser utilizados para reparar tecidos renais danados ou mellorar órganos destinados ao transplante
O CHUAC conseguiu integrar organoides humanos no ril dun porco grazas a un cultivo de células nai humanas que se unen ao ril do animal nun traballo de laboratorio. Todo un fito na medicina rexenerativa que, a longo prazo, permitiría que os órganos que van ser transplantados poidan ser tratados e acondicionados antes de implantalos.
O equipo internacional de investigadores estaba liderado por científicos españois no que participa tamén o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña participa nesta investigación xunto co Instituto de Bioenxeñaría de Cataluña. Lograron por primeira vez producir organoides renais humanos, combinalos con riles de porco fóra do corpo do animal e transplantarllos de novo ao animal dunha maneira viable, sen que se rexistraran danos ou toxicidade.
Os organoides de ril teñen unha estrutura tridimensional, pero un tamaño que se reduce a unhas micras e son 'cultivados' no laboratorio a partir de células nai humanas, e aínda que non se trata dun órgano completo si logra reproducir moitas das súas estruturas e as súas funcións principais, polo que permiten estudar como se desenvolve o ril, probar novos fármacos, e no futuro poderían ser utilizados para reparar tecidos renais danados ou mellorar órganos destinados ao transplante.
O transplante foi posible grazas á implicación de numerosos centros de investigación de varios países, liderados polo Instituto de Bioenxeñería de Cataluña (IBEC), en colaboración co Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), a Organización Nacional de Transplantes (ONT) ou o Instituto de Saúde Carlos III.
Os resultados do traballo publícanse este venres na revista Nature Biomedical Engineering.
O estudo, que foi liderado pola investigadora Núria Montserrat (na actualidade conselleira de Investigación e Universidades da Generalitat de Cataluña), representa un fito no campo da medicina rexenerativa e personalizada, xa que establece as bases para a utilización dos organoides de ril derivados de células nai humanas para terapia celular en ensaios clínicos.
É a primeira vez que se consegue combinar organoides renais humanos con riles porcinos vivos, conectados a máquinas de 'perfusión normotérmica', os dispositivos que se usan habitualmente no quirófano para manter o órgano vivo e osixenado fóra do corpo antes dun transplante, e os investigadores lograron inserir eses organoides humanos dentro dos riles porcinos e monitorear en tempo real a súa integración e a súa función.