Os gandeiros intensifican a protesta en Lugo con novas marchas arredor da Muralla
Este venres á mañá percorreron a rolda da Muralla tras unha pancarta na que se podía ler "Coa comida non se xoga. Non ao tratado con Mercosur"
Esta tarde teñen previsto volver circular cos tractores polo centro da cidade
Por quinto día consecutivo, os gandeiros que se concentraron en Lugo, convocados polas organizacións Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema, manteñen o pulso da protesta contra o tratado comercial entre a Unión Europea e Mercosur, este venres cunha manifestación a pé desde a Xunta de Galicia ata a Subdelegación do Goberno.
Tras unha pancarta na que podía lerse “Coa comida non se xoga. Non ao tratado con Mercosur”, os manifestantes percorreron un tramo da rolda da Muralla e varias rúas do centro histórico, unha marcha na tamén participou unha vaca de raza rubia.
Así mesmo, ambas as organizacións poñerán de novo “a circular” polo centro da cidade durante esta xornada unha parte dos máis de 150 tractores que están estacionados arredor da Muralla, na vía perimetral que rodea o monumento romano e unha das principais arterias de comunicación da cidade, o que previsiblemente volverá provocar retencións e problemas de circulación no centro.
Do mesmo xeito que en días pasados, esta noite volverá haber unha concentración de gandeiros na Rolda da Muralla, ante a Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, onde os produtores levan días apostados para expresar a súa oposición a un tratado comercial que definiron como “unha puñalada” ao medio rural galego.
O presidente de Gandeiros Galegos da Suprema, Santiago Rego, explicou a EFE que as organizacións convocadoras tamén pretenden que esa concentración ante a Xunta de Galicia se converta en “un punto de información aos consumidores”, para que “realmente saiban o que vai supoñer para eles” ese acordo comercial.
As protestas transcorreron durante esta semana sen incidentes de gravidade, aínda que cunha importante presenza policial. En principio, segundo confirmou este venres a EFE a presidenta de Agromuralla, Noelia Rodríguez, manterase de “forma indefinida”, tendo en conta de que a Administración aínda “non deu resposta” ás súas demandas.
De feito, nas últimas horas, concretamente, a pasada noite, chegaron algúns tractores máis para sumarse á concentración.
Está previsto que o acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur sexa asinado este sábado -17 de xaneiro-.