Os gandeiros apuran as últimas semanas da sementeira do millo
O tempo inestable impediu realizar un mes antes estes labores, coas conseguintes perdas económicas
A actividade é frenética estes días en boa parte das 75.000 hectáreas dedicadas ao cultivo do millo. Os gandeiros aproveitan a tan esperada estabilidade meteorolóxica para apurar a sementeira, que non se puidera realizar antes debido ao mal tempo.
"Un mes máis tarde. E non se entra nos terreos. Está todo moi mal, con moitas terras aínda sen labrar porque non se dá andado nelas", sinala José Rey Loures, traballador dunha empresa de servizos agrícolas.
Para tratar de compensar este atraso, cómpre recorrer a variedades de ciclo curto. Malia seren menos produtivas, permiten coller o millo ao cabo duns tres meses.
"Nestas datas tampouco estamos para meter ciclos moi longos de millo, senón máis curtos para poder sacalos en tempo, e intentar xogar con esa semana e media que poidamos gañarlles aos meses de setembro e outubro", explica Antonio Balado, produtor de millo e vendedor de sementes.
Así e todo, córrese o risco de que veña outro outono chuvioso que arruíne parte da colleita.
"O ano pasado as primeiras choivas viñeron polo 20 de setembro, as máis fortes. Iso limitounos moito para poder sacalo, e parte do millo quedou nas leiras", lembra Balado.
O millo forraxeiro supón o maior cultivo agrario de todo o país.