Os expertos en coronavirus demandan máis prudencia e menos alarmismo e falan dunha etapa de transición
Os expertos en coronavirus demandan máis prudencia e menos alarmismo e falan dunha etapa de transición
Consideran prematuro falar de cuartas doses da vacina
Explican que o 99 % dos casos están asintomáticos ou leves
A estabilización das incidencias confirma, segundo os expertos, que entramos xa na fase de meseta. Piden extremar a prudencia nos contactos sociais para consolidar esa tendencia e que está sexta onda remita por fin. Pero piden tamén un cambio de concepto para rebaixar un pouco o alarmismo.
"Hai demasiado alarmismo, desde os medios de comunicación. E é importante subliñar que non se están dando pasos atrás", explica o inmunólogo José Gómez Rial.
"De 77.000 casos hai hoxe 500 nos hospitais e nin 50 en UCI", engade Pilar Farjas.
E a maioría dos casos, explican, están na casa; moitos deles nin requiren tratamento e a mortalidade non ten que ver coa de ondas anteriores.
Aseguran que non se trata de levantar agora as mans do volante e dicir que xa rematamos, senón de asumir que entramos nunha fase de transición.
"O coronavirus quedará gravado nas nosa mentes como un momento dramático polas primeiras ondas, cunha gran mortalidade e un impacto asistencial gravísimo e, polo tanto, o medo, o temor, a desconfianza que xerou vai custar superalos".
Superar ese medo, atender a saúde mental e recuperar a vida social e familiar é, segundo estes expertos, o gran reto dos próximos meses. Tamén, adaptar as vacinas para que sexan útiles con todas as variantes, antes de falar de cuartas doses.
"Administar continuamente doses de recordo, terceiras ou falar de cuartas, en xente inmunocompetente e sana, eu creo que non ten ningún beneficio aínda que tampouco prexuizos,", argumenta Gómez Rial.
Aseguran que, despois dunha estratexia de actuación xeralizada, agora é tempo de ir a estratexias máis individuais: saber cales casos son os graves e cales precisan reforzo vacinal.