Trump anuncia para hoxe a firma dun acordo que Irán sitúa nos vindeiros días
Segundo o medio estadounidense Axios, ambas as dúas potencias manterán unha xuntanza virtual este domingo
Trump na Casa Branca este sábado. REUTERS/Elizabeth Frantz
Os Estados Unidos anunciaron para este domingo a sinatura dun acordo con Irán para poñer fin á guerra, pero o réxime dos aiatolás sitúa a rúbrica "nos vindeiros días".
Segundo o diario dixital Axios, representantes de Washington e Teherán manterán unha xuntanza virtual nesta xornada para firmar de xeito electrónico un documento que tamén permita o desbloqueo do estreito de Ormuz.
O chamado memorando de entendemento estendería o cesamento do fogo vixente desde abril durante outros 60 días e facilitaría a apertura de negociacións sobre o programa nuclear iraniano, agrega este medio.
A rúbrica sería o resultado de case tres meses de negociacións entre a Administración de Donald Trump e a República Islámica, coas mediacións de Paquistán, Qatar, Exipto e Turquía.
O acordo poñería fin á guerra iniciada polos Estados Unidos e Israel o 28 de febreiro contra Irán e podería contribuír a estabilizar os mercados enerxéticos, afectados polo bloqueo iraniano de Ormuz, por onde transitaba o 20% do petróleo mundial antes do conflito.
Buques no estreito de Ormuz dende Omán. REUTERS
Cume do G7 en Francia
Trump viaxa este luns a Francia para participar no cume do G7, onde agarda ter un encontro cos líderes de Exipto, Qatar e os Emiratos Árabes Unidos, cos que abordará a situación en Irán.
Segundo fontes estadounidenses, tamén está convidado o príncipe herdeiro saudita, Mohamed Bin Salmán, que non pode acudir por problemas de axenda. Porén, non se agarda a presenza do primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu.
O mandatario estadounidense anuncia na súa rede social a sinatura do acordo para este domingo. Ademais, asegura que "inmediatamente despois" o estreito de Ormuz quedará "aberto para todos".
Paquistán tamén sitúa a firma dentro das próximas 24 horas. Porén, o Ministerio de Exteriores iraniano descartou a rúbrica para hoxe, pero deixou aberta a posibilidade de que se concrete nos vindeiros días.
Ataque israelí no sur do Líbano. REUTERS
Máis de 3.756 vítimas mortais no Líbano
Polo menos 3.756 persoas morreron e máis de 11.600 resultaron feridas desde o inicio da ofensiva israelí no Líbano o pasado 2 de marzo, malia os intentos de desescalada e un fráxil cesamento do fogo sistematicamente violado.
Son as últimas cifras difundidas polo Centro de Operacións de Emerxencia Sanitaria do Ministerio de Saúde Pública nun conciso comunicado.
Este sábado, polo menos dúas persoas morreron nunha nova vaga de bombardeos hebreos contra o sur do país, despois de que o Exército xudeu ordenara a evacuación dunha vintena de localidades.
Pola súa banda, o Exército libanés, que non intervén na guerra, denunciou o ataque dun dron israelí contra un soldado que quedou "gravemente ferido".
A Axencia Nacional de Novas libanesa (ANN) informa dunha decenas de agresións e o grupo xiíta Hezbollah reivindica varios ataques contra tropas e vehículos israelís que invaden diferentes puntos do territorio.