Trump anuncia a reapertura de Ormuz este domingo tras asinar a tregua con Irán
Teherán descarta que se vaia rubricar ese día e insiste en que non se trata dun acordo final
Buques no estreito de Ormuz. Amirhosein Khorgooi/ISNA/WANA vía REUTERS.
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, anunciou a reapertura este domingo do estreito de Ormuz tras asinar un acordo con Irán para poñer fin á guerra.
"O acordo asinarase mañá, e inmediatamente despois da súa firma, o estreito de Ormuz estará ABERTO PARA TODOS", explicou na súa rede Truth Social.
A mensaxe chega despois de que o Goberno paquistaní, mediador entre ambas as dúas potencias, sinalara este sábado que a sinatura telemática do memoranto podería facerse efectiva nas vindeiras 24 horas.
Porén, o Ministerio de Exteriores iraniano descartou pouco despois a rúbrica para o domingo, pero deixou aberta a posibilidade de que se concrete nos próximos días.
Ahmad Khatami en Teherán este venres. Majid Asgaripour/WANA vía REUTERS
Renuncia ás ambicións nucleares
Na súa mensaxe, Trump asegura que logrou a renuncia da República Islámica ás súas ambicións nucleares.
"Xa non queren unha arma nuclear, nin a terán, nin mediante compra, desenvolvemento nin ningunha outra forma de adquisición".
Segundo o mandatario, o acordo non inclúe ningún "intercambio de diñeiro" con Irán e permitirá que os Estados Unidos accedan ao uranio enriquecido persa para a súa destrución.
"Esperamos colaborar con Irán e con todo Oriente Próximo durante moitos anos. Ogallá este proceso se desenvolva de xeito rápido, sinxelo e sen contratempos", declarou.
De non ser así, o magnate republicano ameaza con aplicar unha "alternativa definitiva", nunha aparente referencia a unha nova ofensiva contra o país.
Ataque israelí no Líbano este sábado. REUTERS
Ofensiva no Líbano
A versión de Trump non coincide coas explicacións do ministro de Exteriores iraniano, Abás Araqchí, que fala dun memorando de entendemento con dúas partes.
A primeira fai referencia ao desbloqueo dos fondos persas conxelados, á reapertura de Ormuz e ao fin das hostilidades en todas as frontes, incluída a ofensiva israelí no Líbano.
A segunda aborda a cuestión nuclear pero, segundo o portavoz do departamento, queda para máis adiante e discutirase "nun período de 60 días".