Os estradenses atrapados en Machu Picchu logran chegar a Cusco tras dez horas de camiñada
Os mozos realizaron o traxecto polas vías do tren
Alcanzaron Ollantaytambo a pé e os veciños axudáronos para chegar en coches á antiga capital do imperio inca
Hai outros tres rapaces da Pobra do Brollón que seguen en Arequipa sen poder sair
Os catro mozos da Estrada atrapados en Machu Picchu como resultado das revoltas no Perú lograron chegar sen problemas e en bo estado ao seu hotel en Cusco.
Lograron facelo despois dunha esgotadora viaxe e na que tiveron a colaboración das autoridades consulares españolas e dos veciños das localidades peruanas de Aguas Calientes, aos pés da montaña de Machu Picchu e de Ollantaytambo. Foron dez horas de andaina.
Foron dez horas camiñando polas vías do tren. Pasadas as dúas da mañá en España, Tania Míguez, Luis Ángel Carbia, Tania Domínguez e Iago Saborido comunicaban por WhatsApp que xa estaba no seu hotel de Cusco.
Relataban que parte do éxito da súa chegada se debe aos veciños de Ollantaytambo, que tras dez horas a pé brindáronlles un cálido acollemento e ofrecéronse a trasladalos en vehículos ata Cusco.
A súa intención é voar o domingo de Cusco a Lima, xa que semella que o tráfico aéreo interno opera xa con normalidade, para desde alí coller o voo que teñen reservado para o luns desde Lima a Madrid e dar por finalizada a súa aventura peruana.
Agradecen desde o Perú o traballo do departamento de Emigración da Xunta de Galicia e do alcalde da Estrada, que estiveron en permanente contacto con eles, e o apoio dos medios de comunicación.
Os catro estradenses viaxaron o venres pasado ao Perú para celebrar a voda dun amigo. Por suposto, non quixeron desaproveitar a ocasión dunha viaxe única e decidiron visitar o emblemático Machu Picchu.
Co que non contaban Luis Ángel Carbia, Tania Míguez, Iago Saborido e Tania Domínguez era que os acontecementos derivados do autogolpe de Estado de Pedro Castillo no país andino, o día 7, se precipitaran tal como fixeron.
Agora só agardan para poder realizar o regreso á casa tras descansar no hotel. As dúas parellas chegaron a Aguas Calientes en tren desde Cusco que está a 110 quilómetros. cando intentaron baixar atoparon coa noticia que o servizo ferroviario quedaba paralizado. Eran catro dos case 800 turistas que quedaron inmobilizados en Aguas Calientes.
Máis problemas teñen tres rapaces da localidade luguesa da Pobra do Brollón, aos que o conflito colleu na cidade de Arequipa. Os tres mozos piden axuda das autoridades españolas e peruanas para saír da zona.