Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os Estados Unidos inician unha operación para retirar minas iranianas no estreito de Ormuz

Os Estados Unidos inician unha operación para retirar minas iranianas no estreito de Ormuz

Dous destrutores da Armada estadounidense iniciaron este sábado unha operación para "establecer as condicións" para retirar as minas colocadas por Irán

"Forzas estadounidenses adicionais, incluídos drons submarinos, sumaranse aos labores de limpeza nos próximos días", apuntan

(Reuters) (Reuters)
G24.gal 11/04/2026 19:52

Dous destrutores da Armada estadounidense iniciaron este sábado unha operación para "establecer as condicións" para retirar as minas colocadas por Irán no estreito de Ormuz, anunciou o Comando Central das Forzas Armadas dos Estados Unidos (Centcom).

Os buques USS Frank E. Peterson e USS Michael Murphy transitaron polo estreito e o golfo Pérsico "como parte dunha misión máis ampla para garantir que estea completamente libre de minas mariñas" arrichadas pola Garda Revolucionaria iraniana, indicou o Centcom nun comunicado.

"Hoxe iniciamos o proceso de establecemento dun novo paso marítimo e pronto compartiremos este roteiro seguro coa industria marítima para fomentar a libre circulación do comercio", declarou o máximo responsable do Centcom, almirante Brad Cooper.

O Centcom subliñou que o estreito de Ormuz, bloqueado por Irán en represalia pola guerra iniciada por Estados Unidos e Israel contra a república islámica, é "unha vía marítima internacional e un corredor comercial esencial que sustenta a prosperidade económica rexional e mundial".

"Forzas estadounidenses adicionais, incluídos drons submarinos, sumaranse aos labores de limpeza nos próximos días", apuntou.

Este anuncio prodúcese despois da tregua temporal pactada entre Estados Unidos e Irán, países que este sábado iniciaron negociacións de paz en Paquistán.

Tamén o presidente estadounidense, Donald Trump, dixo na súa plataforma Truth Social que comezou o "proceso de limpeza" de minas no estreito de Ormuz.

"Agora estamos a comezar o proceso de limpeza do Estreito de Ormuz como un favor a países de todo o mundo, incluídos a China, Xapón, Corea do Sur, Francia, Alemaña e moitos outros", asegurou.

Trump, que criticou durante as últimas semanas aos seus aliados por negarse a reabrir militarmente a vía marítima bloqueada por Teherán, asegurou que eses países "non teñen o valor nin a vontade de facer este traballo por eles mesmos".

Algúns buques transitaron polo estreito de Ormuz desde o inicio do cesamento do fogo, aínda que as tensións entre ambos os países manteñen a incerteza sobre a solidez da tregua.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade