Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os esmaltes dos farois da Coruña volven ao taller para a súa restauración

Os esmaltes dos farois da Coruña volven ao taller para a súa restauración

Julia Ares, a súa creadora, está a restaurar as 30 pezas máis deterioradas do paseo marítimo

Algúns dos esmaltes que agardan no taller de Julia Ares a ser restaurados.
G24.gal 25/11/2026 15:00 Última actualización 25/11/2026 15:57

Os esmaltes que decoran os farois do paseo marítimo da Coruña foron instalados hai 30 anos. Co dano causado tras tres décadas na rúa, volven ao taller da artista que os creou, Julia Ares, para ser restaurados. 

A artista destaca que, grazas ás condicións do material, esta degradación non é causada polas condicións meteorolóxicas. Julia Ares identifica as pedras que levantan os coches como a causa principal da mala conservación. "A maioría están así por accidentes de tráfico ou polas pedras que proxectan os coches ao pasar, pero nunca por efectos atmosféricos", aclara Julia Ares.

Os danos tras anos na rúa eran inevitables, pero a artista leva tempo solicitando a restauración das pezas: "Despois de anos pelexando para que houbera unha restauración, podemos empezala pouco a pouco. É imposible restauralos todos xuntos".

A restauración dos esmaltes lévase a cabo nun proceso completamente artesanal, cun mínimo de tres coccións para cada peza. Julia Ares pretende traballalas dunha maneira que lle permita quitar os restos de esmalte que poderían saltar, pero sempre preparando o fondo para "volver a facer o debuxo que tiña". 

30 anos despois, a intención das ilustracións segue sendo a mesma: narrar as historias da cidade da Coruña. A artista enumera diferentes iconas que quería ter representadas, coma "os petroglifos de Montealto, animais mariños, anécdotas da cidade, meigas, pombas, paxariñas de papel...".

Aínda que o obxectivo da restauración é recuperar o aspecto orixinal dos esmaltes, tamén búscase manter as cicatrices que lles deixou o tempo. "Quero aproveitar o paso do tempo ancorado na peza, coa alta temperatura recuperar o óxido que o tempo pousou e usalo como fondo de cor", explia Julia Ares.

Cando a artista dé o traballo de restauración por terminado, as pezas volverán ao paseo marítimo da Coruña. Alí volverán acompañar aos outros mil esmaltes que compoñen unha galería de arte ao aire libre de máis de 13 quilómetros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade